Un libro explora a historia de La Cátedra de Farmacología de la Facultad de Medicina de Santiago de Compostela

Febrero, 11, 2016

Un libro explora a historia de La Cátedra de Farmacología de la Facultad de Medicina de Santiago de Compostela

Presentación La Cátedra de Farmacología de la Facultad de Medicina de Santiago de Compostela

A USC e o Consorcio de Santiago editan o libro La Cátedra de Farmacología de la Facultad de Medicina de Santiago de Compostela, unha obra da que é autor o profesor Ángel Belmonte Vicente coa colaboración do tamén profesor e presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero. Este novo título achega unha base importantes "para a construción desa historia aínda pendente da nosa Facultade de Medicina, algo tan necesario xa nunha institución que cumpre este ano o seu 366 aniversario", lembra o decano do centro Juan Gestal.

O volume presentouse este mércores 10 nun acto público no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome no que interviñeron, ademais do autor, o reitor Juan Viaño e o presidente do Consorcio de Santiago, Martiño Noriega Sánchez. Na mesa presidencial estiveron presentes tamén o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal Otero; o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; os directores dos servizos de Publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco Valdés e Juan Conde, respectivamente; o director do Departamento de Farmacoloxía e prologuista da obra, José Gil Longo; e catedrático e tamén prologuista do volume, Manuel Freire-Garabal Núñez. 

Como indicou o reitor Juan Viaño, “os autores transpórtannos ás orixes da nosa Facultade de Medicina, en 1649, e á incorporación da materia de Terapéutica Xeral e Materia Médica nos planos de estudo de 1807, cando os estudantes recibían clases no Colexio de Fonseca e realizaban prácticas clínica no Hospital dos Reis Católicos”. Aquel modelo docente, engadiu Viaño, “pioneiro na universidades española da época, contribuíu, tal como nolo indican os autores, a que a titulación de Medicina en Compostela se convertese nun modelo para o deseño doutros plans de estudo, pervivindo as súas bases na actualidade”. 

O volume, un libro “necesario, importante e a reivindicar” en opinión de Martiño Noriega, ilustra unha parte da historia da Facultade de Medicina da USC a partir do relato de José Carro, quen fai un percorrido histórico polas ensinanzas da farmacoloxía en Santiago entre 1846 e 1928, e de Ángel Belmonte, que achega as vicisitudes históricas da Cátedra de Farmacoloxía entre 1807 ata a actualidade. As 86 páxinas que conforman este percorrido histórico parten dunha busca documental que, para o período comprendido entre 1824 e 1928, facilitou arredor de 150 referencias e imaxes que permitiron coñecer a importancia da Farmacoloxía nos diversos planos de estudo da época, as distintas denominacións recibidas, a bibliografía recomendada e os libros dispoñibles para o seguimento desta materia, onde e cando se impartían as clases teóricas e de qué elementos se dispoñía para a súa ensinanza práctica ou as distintas liñas de investigación.