En sete relatos curtos podería resumirse a imaxe que o estudantado universitario ten dunha problemática tan grave e actual como é a violencia contra as mulleres. Sete historias breves que forman parte dun pequeno volume que este luns se presentou nun concorrido acto da USC de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres que presidiu o reitor Juan Casares e no que a directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), Rita Radl Philipp, deu lectura a unha declaración institucional " contra esta eiva terrible que en todo o mundo ten sometida ás mulleres".
A declaración remata cunha aposta pola “utopía dunha sociedade entre iguais” que só se conseguirá “pola educación, pola modificación substancial das condicións de socialización, particularmente dende a óptica da nosa institución universitaria comprometida coa erradicación da violencia contra as mulleres en todos os niveis”.
Alto grao de participación no certame
O xurado –composto por Teresa Moure Pereiro, Manuel Núñez Singala e Manuela Palacios González– seleccionou os sete relatos finalistas e, entre eles, concedeu un premio e tres accésits. O estudante de Grao en Lingua e literatura españolas Ismael Ramos Castelo destacou entre todos con ‘A muller do escritor’, unha breve historia que trata do medo a perturbar o silencio do agresor mentres se pensa “non son eu, é outra quen sofre” e se escusa a violencia adiando sen tregua o seu remate.
Os accésits correspondéronlles a ‘Presentimento’, da estudante de Filoloxía Clásica Adriana Grela del Río; ‘O Principe herdeiro e o medio dragón’ de Ignacio Nicolás Fernández, alumno de Lingua e literatura inglesas; e ‘Trocando a realidade’, da estudante de Dereito Julia Ammerman Yebra.
Os tres relatos finalistas son ‘Poluta’, da estudante de Xornalismo Olalla Liñares García; ‘Un sol de media noite’, do alumno de Medicina Luís Miguel Martínez Agulleiro; e ‘A saúde da libélula azul’, do de Economía Javier Sánchez Álvarez.
Participaron tamén no acto a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan L. Blanco Valdés; e a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.