A Universidade de Santiago contou no segundo terzo do século XIX entre o seu claustro de docentes con Augusto González Linares (1845-1904), científico cántabro que participou na fundación da Institución Libre de Ensinanza. Como catedrático de Historia Natural, entre os anos 1872 e 1875 González Linares foi un dos introdutores do evolucionismo na USC.
Malia a brevidade do seu paso pola USC, González Linares xogou un importante papel na historia desta institución. Por esta razón quérese aproveitar a ocasión da edición da súa obra completa “ para lembrar e facer xustiza a esta importante figura da ciencia e o pensamento”, explica o decano dá Facultade compostelá de Filosofía, Rafael Martínez.
Deste xeito, esta mañá presentouse en Filosofía o volume Augusto González de Linares, Obra Completa, coordinado polo profesor de Filosofía na Universidade de Cantabria, Carlos Nieto Blanco, e editado pola Universidade de Cantabria e a Real Sociedade Menéndez Pelayo. No acto interviñeron o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira; o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; e o catedrático de Literatura Española da USC e presidente da Sociedade de Literatura Española do S. XIX, José Manuel González Herrán.
Carlos Nieto
A súa actividade científica desenvólvese no eido da Historia da Filosofía Contemporánea e o Pensamento Español Contemporáneo, orientando a súa investigación cara a cuestións relacionadas coa linguaxe e o suxeito. O profesor Nieto ten publicados, ademais do volume que hoxe se deu a coñecer na USC, numerosos artigos sobre a figura do que foi catedrático da USC González de Linares.