Na súa dobre calidade de director de Publicacións da USC e vogal da Xunta Directiva da UNE, Juan L. Blanco Valdés participou hoxe na mesa redonda Editar teatro: por que e para que, celebrada dentro de Dramaturxente. Xornadas sobre dramaturxia galega, que de desenvolven no Salón Teatro de Santiago de Compostela de Compostela entre o 8 e o 10 de decembro organizadas conxuntamente polo Centro Dramático Galego e a asociación profesional DramaturGA.
Xunto con Afonso Ribas (Edicións Laio Vento), Paco Macías (Edicións Positivas), Manuel F. Vieites (Editorial Galaxia) e Manuel Bragado (Edicións Xerais), Blanco Valdés levou á mesa de debate o punto de vista dos editores. Na súa intervención, referiuse a que, malia non editaren creación literaria en xeral os editores universitarios, a achega da edición universitaria á esfera da dramaturxia, dende os máis variados puntos de vista (historia e crítica literaria, literatura, espectáculo, negocio, dinamización e contestación social, escenografía e arquitectura, deseño escénico…), é moi rica, tanto en forma de artigos de revista, teses de doutoramento (en boa parte en acceso aberto) e monografías, salientando, neste último aspecto, que o portal do libro universitario español Unebook inclúe 302 títulos publicados por editoriais universitarias españolas especificamente referidos a teatro dende moi diferentes aproximacións e intereses. Neste sentido, e como contributo a remediar no posible o esmorecemento do teatro, Blanco Valdés tendeu a luva da máis aberta e fluída cooperación para a definición de liñas de traballo que rendibilicen a masa crítica xerada pola investigación universitaria no eido da creación teatral e os axente, públicos e privados, implicados no mantemento e estímulo do teatro.