As revistas Innovación Educativa e Moenia. Revista Lucense de Lingüística & Literatura acaban de ser incluídas no prestixioso índice internacional ERIH Plus (European Reference Index for the Humanities and Social Sciences), promovido e xestionado pola Norwegian Social Science Data Services. ERIH trata de mellorar a visibilidade global da investigación de alta calidade en humanidades e ciencias sociais publicada en revistas académicas nas distintas linguas europeas en toda Europa.
Innovación Educativa foi creada en 1991 e está dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación Eulogio Pernas Morado. Pola súa banda, Moenia nace en 1995 e actualmente a dirixe o profesor da Facultade de Humanidades Alexandre Veiga.
Tanto para os equipos redactores das dúas revistas como para o Servizo de Publicacións que as edita no Portal Dixital de Revistas da USC a incorporación a ERIH Plus confirma que a edición dixital das publicacións periódicas co software de código aberto Open Journal Systems, instaurada na USC en 2012, contribúe directamente ao seu posicionamento, impacto e recolección por parte deste tipo de índices, estratéxicos na comunicación científica internacional.
As outras revistas dixitais da USC indexadas en ERIH+ son Ágora. Papeles de Filosofía ; Dereito ; Elos ; Estudos de Lingüistica Galega ; Obradoiro de Historia Moderna , Télos , Quintana e Verba .