Os videoxogos, os novos amos patriarcais

Octubre, 25, 2012

A USC presentou o libro Postmodernidade e novas redes sociais

Os videoxogos, os novos amos patriarcais

De esquerda a dereita, Rita Radl, Paula Prado, Juan Casares, Juan Blanco e Jorge García Marín

Existen claras diferenzas de xénero no consumo dos videoxogos e na violencia simbólica que estes transmiten aos adolescentes. De feito, os mozos de 15 anos comezan antes a xogar, fano máis e prefiren os de temática fútbol e guerra, mentres que as mozas se decantan polos de fogar e cantar.

Ademais, as nenas teñen menos prexuízos á hora de xogar a xogos "de nenos", o que implicitamente supón recoñecer nos rapaces un universo de dominación ""asumido de maneira involuntaria", explica o grupo de investigación- que é o asociado aos valores tradicionalmente masculinos. Segundo explica o profesor Jorge García, "os valores androcéntricos marcan as escollas dos nenos e nenas en todos os aspectos que se manexan nos videoxogos, creándose unha dobre realidade". 

Estes datos, que aparecen publicados no novo volume Postmodernidade e novas redes sociaisdo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (Cifex) ,resultan do proxecto de investigación "Análise dos roles de xénero máis demandados polos adolescentes galegos" que tomou como mostra un volume de máis de 4.000 estudantes galegos de 4º de ESO no período 2009-2010.

 

O volume presentouse este xoves nun acto no que interviñeron o reitor Juan Casares; a concelleira de Familia, Benestar social, Muller e Emprego de Santiago, Paula Prado; a directora do CIFEX, Rita Radl; o coordinador da edición, Jorge García Marín; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, que adiantou que xa está case listo o terceiro volume do Cifex A Diálogos en la cultura de la paridad.

 

Para o equipo de investigación, e segundo se recolle no manual, os videoxogos "non transmiten nada positivo senón que se basean en demasiados valores sexistas, racistas ou violentos". Reclaman para iso, e tendo en conta o marco das novas redes sociais e da "estrutura patriarcal postmoderna" actual, educadores e educadoras que potencien "o diálogo fronte ao espectáculo, entendidos como opostos, e que ao mesmo tempo saiban aproveitar as condicións que impoñen as novas tecnoloxías".

 

Como explicou Rita Radl, o estudo sigue a liña temática iniciada hai dúas décadas na Universidade de Santiago sobre a función "ideoloxicamente regresiva" dos medios de comunicación en cuestións relacionadas cos roles de xénero que demostra os "preocupantes modelos de socialización que manexa a nosa xuventude".