O volume 27 da revista Sémata trata os Sistemas de Información Xeográfica, a xestión do territorio e o coñecemento histórico

Enero, 21, 2016

O volume 27 da revista Sémata trata os Sistemas de Información Xeográfica, a xestión do territorio e o coñecemento histórico

Sémata 27'Sistemas de Información Xeográfica (SIX), xestión do territorio e coñecemento histórico' é o lema que agrupa os quince artigos que conforman a táboa de contidos do volume 27 da revista Sémata. Ciencias Sociais e Humanidades, presentado este mércores na Facultade de Xeografía e Historia. A edición do novo número da revista corresponde a Antón A. Rodríguez Casal e Ramón Blanco Chao.

volume 27 recolle unha colección de achegas propostas por investigadores galegos, do resto de España así como doutros países europeos, nos que abordan cuestións que con carácter multidisciplinario reúnen ámbitos como a bioloxía, a cartografía, a arqueoloxía ou a prehistoria, entre outros. 

A monografía estrutúrase en tres apartados, partindo dun bloque referido a SIX e aplicacións xeográficas, de xestión do territorio, con traballos de índole metodolóxica e outros más particulares dende Galicia, pasando polas Illas Canarias, ata Centroamérica. Un segundo bloque refírese á arqueoloxía e ao patrimonio cultural, con contribucións que van dende o Extremo Oriente, exemplificado no excepcional xacemento dos guerreiros de terracota de Xi’an en China, pasando por Escandinavia ata a Península Ibérica, cun último artigo sobre arquitectura tradicional no occidente asturiano, que permite enlazar con Galicia. E un terceiro bloque pecha a edición centrándose no territorio galego, coas últimas aplicacións dos SIX á arqueoloxía, dende o primeiro poboamento paleolítico, o Megalitismo ou a arte rupestre prehistórica e, como colofón, unha achega no campo da arqueoloxía urbana, dedicada a Santiago de Compostela. 

Sémata 
Sémata é unha revista interdisciplinaria, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas das Ciencias Sociais e as Humanidades. Os números da revista teñen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte. 

A revista atópase indexada nas bases de datos CIRBIC, DIALNET, DICE, FRANCIS, LATINDEX, ISOC, Modernitas Citas, REBIUN, RESH, Ulrich’s Directory, MIAR e REDIB. Conta cun índice de impacto en Humanidades de 4.380 (MIAR), unha valoración de difusión internacional do 10.5% (DICE), a categoría B (ANEP) e cumpre 32 dos 33 criterios de LATINDEX. O portal de Sémata publícase en galego, español e inglés; e as linguas de publicación son o galego, portugués, catalán, español, francés, inglés, alemán e italiano.