Editada en 2016, en coedición coa Xunta de Galicia, e axiña esgotada, o Servizo de Publicacións da USC novamente en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de reimprimir o libro Astronomía a ollo ceibe , coincidindo co LXXV aniversario en 2018 do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Astronomía a ollo ceibe é a tradución galega da obra divulgativa Astronomía a simple vista -publicada orixinalmente en 1948 e reeditada facsimilarmente pola USC en 1998 e 2014- de autoría do astrónomo, matemático e fundador do Observatorio Astronómico da USC, o catedrático Ramón María Aller Ulloa (1878-1966). A edición galega, ademais dun considerable esforzo de adaptación léxica, conceptual e estilística a prol dunha magnífica obra de iniciación á astronomía en lingua galega, representou tamén, cando se editou por vez primeira en 2016, unha homenaxe á dimensión humana e científica do seu autor, con ocasión do quincuaxésimo aniversario do seu pasamento. Nesta obra, Ramón M. Alller quixo lembrar os seus comezos de astrónomo a simple vista e facilita ao afeccionado un libro senlleiro entre os de divulgación astronómica.
Como explica o coordinador e responsable da revisión científica da obra, o profesor José Ángel Docobo, a denominación do libro provén do título que se lle ía dar a unha obra de divulgación que o Seminario de Estudos Galegos lle encargara a Ramón María Aller e cuxa presentación, segundo a prensa da época, estaba prevista para 1936 pero nunca chegou a producirse.