O Servizo de Publicacións acada a certificación ISO 9001 para o seu selo USC Editora

Enero, 15, 2014

O Servizo de Publicacións acada a certificación ISO 9001 para o seu selo USC Editora

USC Editora

O selo de calidade " USC Editora" do Servizo de Publicacións e Intercambio científico vén de acadar a certificación ISO 9001 que acredita sistemas de xestión da calidade. Concedida por AENOR, a certificación inscríbese na política de calidade da USC orientada, entre outros obxectivos, a desenvolver procedementos para acreditar servizos. Pola súa banda, tamén a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) á que pertence a USC promove entre os seus asociados a creación de selos de calidade certificada.
USC Editora, dentro das súas series Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos e Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, é un selo comercial da Universidade de Santiago de Compostela rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 17 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. Ata o momento, leva publicados 16 títulos.
 
Herdeiro da vella colección Monografías da USC "que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos", USC Editora foi creado en 2009 a instancias do entón Vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e a dirección académica do profesor Antonio Azaustre.

En opinión do director de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, "a acreditación foi complexa, pero sobradamente compensada pois implica establecer e sistematizar obxectivos de calidade, de revisión periódica, que evidencian os procesos que rexen o selo, incrementando a súa eficiencia, a satisfacción dos nosos autores e autoras e a consideración e prestixio da edición universitaria no seu conxunto".