O Selo USC Editora, certificado por IQNet e AENOR dende 2014 coa norma ISO 9001:2008 de sistemas de xestión de calidade, acaba de adaptarse con éxito á nova versión da norma (ISO 9001:2015). O Servizo de Publicacións, responsable do Selo, convértese no primeiro servizo universitario que consegue a adaptación aos novos estándares cuxa validez estenderase ata o ano 2020.
Renovada en 2017, para a adaptación o Servizo de Publicacións revisou múltiples procesos, documentación, políticas de xestión, obxectivos e indicadores do seu sistema de funcionamento para axustalos ás novas características da norma. Como explica o responsable do Servizo, Juan Blanco Valdés, as novidades do proceso certificador refírense a unha maior esixencia e rigor na segmentación e identificación das partes interesadas na avaliación e prevención de riscos e na análise DAFO da organización.
O propio Juan Blanco valora "moi positivamente" a adaptación e inscríbea "nunha dinámica impulsada nos últimos anos dende a edición universitaria, de cara a convencer a todos os actores implicados na mesma, e moi especialmente ás axencias de avaliación e acreditación, de que as universidades publican consonte esixencias de calidade tan rigorosas como transparentes".
Malia que a norma ISO 9001:2015 certifica só o selo USC Editora e non o Servizo no seu conxunto, "é certo que a auditoría de organización incorpora a práctica totalidade dos procesos que conflúen nun sistema editorial de calidade certificada".
USC Editora
USC Editora é un selo comercial da USC rexistrado como marca e creado en 2009. Dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente polo servizo de publicacións universitarios e sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta ademais cun elenco estable de editores internos que someten os orixinais a unha avaliación previa.