O selo de calidade ' USC Editora' do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC acaba de recibir este mércores 5 a certificación UNE-ISO 9001 que acredita sistemas de xestión da calidade. Concedida por AENOR, a certificación inscríbese na política de calidade da USC orientada, entre outros obxectivos, a desenvolver procedementos para acreditar servizos. Pola súa banda, tamén a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE), á que pertence a USC como socia fundadora, promove entre os seus asociados a creación de selos de calidade certificada.
En opinión de Juan L. Blanco Valdés, “a acreditación foi complexa, pero sobradamente compensada pois implica establecer e sistematizar obxectivos de calidade, de revisión periódica, que evidencian os procesos que rexen o selo, incrementando a súa eficiencia, a satisfacción dos nosos autores e autoras e a consideración e prestixio da edición universitaria no seu conxunto”.
USC Editora
Consciente da importancia do recoñecemento externo da calidade do selo USC Editora, o Servizo de Publicacións universitario decidiu levar a cabo a implantación dun sistema de calidade seguindo as directrices da Norma UNE-ISO 9001, que certifica sistemas de xestión da calidade. Neste marco establécense obxectivos de calidade que son revisados anualmente e coa implicación de todo o equipo de traballo na consecución dos mesmos, perséguese mellorar de forma continua a eficacia e eficiencia dos procesos que rexen o selo USC Editora, incrementando así a confianza e satisfacción dos autores nesta opción editorial e o impacto, tanto académico como comercial, das obras editados baixo o selo.