A literatura galega como inspiración para aprender español. Con textos de Rosalía de Castro, Manuel Rivas, Suso de Toro, Yolanda Castaño ou Álvaro Cunqueiro, a colección Cuadernos de Español como Lengua Extranjera presenta un quinto volume que reúne pezas de autores e autoras galegos que axudarán a consolidar as competencias necesarias para dominar a lingua castelá.
A publicación, que leva por título Geografías Literarias. Un itinerario (inter)cultural por Galicia, presentouse este xoves na Facultade de Filoloxía nun acto no que participaron o seu autor, Xaquín Núñez Sabarís; o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce; a vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro, e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco Valdés.
Neste caderno, como explicou o autor, a competencia cultural constrúese fundamentalmente a partir de textos literarios que responden a un criterio xeográfico, que inclúe a noción espacial dos estilos literarios contemporáneos. Á vez, “incorpora unha innovadora metodoloxía na ensinanza da literatura que ten en conta a dimensión comunicativa, cultural e intermedial do texto literario”. Geografías literarias ofrece, pois, un material inédito e orixinal neste ámbito educativo que pasa por ampliar a diversidade xeográfica e cultural dos referentes literarios hispanos.
O volume estrutúrase en catro unidades didácticas, cada unha delas dedicada a un dos tradicionais xéneros literarios. O primeiro toma como referencia as poetisas galegas Rosalía de Castro, María Lado ou Yolanda Castaño, e o segundo, sobre o teatro, emprega Compostela para estudar lendas e coñecer textos teatrais e cinematográficos sobre a cidade. Vigo é a protagonista da terceira unidade, que axudará ao estudante a traballar con novelas, mentres que os contos son o eixe da cuarta e última parte con Cunqueiro, Blanco Amor ou Manolo Rivas como referentes.
O autor da publicación é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente profesor do Departamento de Estudos Románicos do Instituto de Letras e Ciencias Humanas da Universidade do Minho (Braga).
Colección consolidada
Co obxecto de mellorar a resposta á demanda que suscita na USC a presenza de alumnos estranxeiros, o Centro de Linguas Modernas (CLM) e o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico crearon en 2008 a colección Cuadernos de Español como Lengua Extranjera (CELE) baixo a dirección inicial da profesora Losada Aldrey. Hoxe a colección co diríxena persoal científico da Facultade de Filoloxía, do CLM e de Cursos Internacionales.
No seu aspecto funcional, CELE concíbese como unha colección de material complementario que propón actividades prácticas, elaboradas por profesionais da USC sensibilizados coas necesidades da ensinanza do español como lingua estranxeira. Actualmente, a colección diríxese a estudantes de ELE, especialmente universitarios que participan nos programas internacionais de mobilidade de educación superior e que teñen un coñecemento da lingua de nivel intermedio.