Poucas semanas antes de que vise a luz o volume El territorio en la historia de Galicia. Organización y control. Siglos I-XXI falecía un dos seus responsables, o profesor Gerardo Pereira Menaut. Por esta razón, os seus compañeiros e compañeiras, xunto co outro responsable da edición, o profesor Ermelindo Portela Silva, converteron a presentación do novo libro nunha sentida homenaxe celebrada na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia.
Participaron no acto o vicerreitor de Oferta Docente e profesor da Facultade, Roberto López; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o catedrático da USC Ángel Carracedo, íntimo amigo do profesor homenaxeado; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco; e o catedrático da Universidade de Salamanca Pablo Díaz Martínez.
Editado no selo USC Editora, o libro examina dous mil anos de creación e transformación da paisaxe galega: quen impulsou a organización territorial, por qué o fixeron e ao servizo de qué intereses. O relato apoiase nas achegas do propio homenaxeado, analizando a influencia do impero romano; de Pablo C. Díaz que aborda a organización do espazo e o control do territorio na Galicia xermánica; de Mª Carmen Pallares e Ermelindo Portela, que reflexionan sobre a pegada medieval; de Pegerto Saavedra, introducindo unha análise sobre a influencia do campesiñado entre 1500 e 1850; e de Lourenzo Fernández Prieto, encargado de abordar a organización e control do territorio na época contemporánea entre os séculos XVIII e XXI.
A organización dos textos propostos é un percorrido cronolóxico encargado a expertos en cada unha das épocas tratadas. Como os promotores da edición subliñan no prefacio, “non debe entenderse este libro como unha obra pechada, como unha síntese estruturada dos coñecementos sobre historia da organización do territorio nos dous últimos milenios”. Dado que cada un dos autores dirixiuse “con entera liberdade ás fontes dispoñibles nos diferentes períodos estudados”, o resultado é “unha diversidade necesaria e buscada dende o principio”, tanto na extensión, na forma e no fondo.
Os editores apuntan tamén que o estudo da historia do Territorio é o da formación da realidade presente. Afirman que “o valor destes estudos non reside simplemente naquela idea trasnoitada segundo a calo pasado explica o presente. O seu valor reside en modo principal en que para pensar o presente as nosas armas conceptuais afíanse na pedra de toque da Historia” de xeito que a volve “máis agudas e penetrantes e, ao mesmo tempo, asegura a súa autenticidade.
USC, editora
Herdeiro da vella colección Monografías da USC —que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos—, USC Editora foi creado en 2009 como un selo comercial da USC rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 17 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa.
Consciente da importancia do recoñecemento externo da calidade do selo USC Editora, o Servizo de Publicacións universitario decidiu levar a cabo a implantación dun sistema de calidade seguindo as directrices da Norma UNE-ISO 9001, que certifica sistemas de xestión da calidade. Neste marco establécense obxectivos de calidade que son revisados anualmente e coa implicación de todo o equipo de traballo na consecución dos mesmos, perséguese mellorar de forma continua a eficacia e eficiencia dos procesos que rexen o selo USC Editora, incrementando así a confianza e satisfacción dos autores nesta opción editorial e o impacto, tanto académico como comercial, das obras editados baixo o selo.