
Como parte da campaña promocional da produción editorial da USC en lingua galega, varios volumes da colección Clásicos do Pensamento Universal , que a USC coedita coa Fundación BBVA, e o libro institucional que a Universidade dedica a Xosé Filgueira Valverde no Día das Letras Galegas 2015 ocupan durante esta semana e a seguinte boa parte do escaparate da libraría da UNE en Madrid, situada no centro da capital.
Esta campaña foi deseñada polo Servizo de Publicacións coincidindo co Día do Libro e o Día das Letras Galegas para relanzar unha colección única no panorama editorial galego, como é Clásicos do Pensamento Universal, que, dende Maquiavelo ou Spinoza a Freud ou MacLuhan, pon ao dispor do público as grandes obras do pensamento e a ciencia en esmeradas traducións a lingua galega.
A campaña iniciouse cunha sensible redución dos prezos da colección e segue agora coa presenza da colección e o libro das Letras nas principais librarías das cidades galegas.