O Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) da USC inaugura a súa colección de monografías "Cadernos CIPPCE" sobre emerxencia cultural coa obra colectiva Trans-Fronteiras Express. Reflexións teórico-críticas sobre hibridación e emerxencia cultural e literaria, que edita en formato dixital nativo o Servizo de Publicacións.
'Cadernos CIPPCE' constitúe unha serie aberta, sen periodicidade prestablecida, destinada ao público universitario e investigador nacional e internacional que compila achegas significativas nos campos da emerxencia artístico-literaria e, máis en xeral, de procesos culturais emerxentes, sen restricións territoriais nin lingüísticas.
O CIPPCE
Este centro aborda o estudo científico dos fenómenos de emerxencia artístico-literaria e dos procesos culturais emerxentes. Neste contexto e sen restrición a marcos territoriais ou lingüísticos específicos, o seu ámbito de investigacións abrangue coordenadas abertas, entre o local e o global, referidas a manifestacións de carácter nacional ou internacional, así como a prácticas culturais asociadas a comunidades, colectivos ou mesmo axentes individuais.