A produción científica da USC estará accesible nun único punto en acceso aberto a través do repositorio institucional Minerva no que se poderán consultar as coleccións bibliográficas dixitalizadas e a produción investigadora e docente dos membros da institución docente compostelá.
Minerva alberga, preserva a difunde por esta canle os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da USC. O reitor Juan Casares presentou as particularidades do repositorio institucional nunha rolda de prensa este xoves 16 no Colexio de San Xerome.
Minerva será un escaparate e unha aposta pola difusión do coñecemento en Acceso Aberto, dando cumprimento así ao sinalado pola Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación e a Declaración de Berlín sobre Acceso Aberto ao Coñecemento nas Ciencias e as Humanidades. O cambio fundamental con respecto ao recursos previos será a transición a un sistema de autoarquivo que pon o acento no/a usuario/a , xa que o persoal rexistrado poderá subir ao repositorio a súa produción científica e darlle máis visibilidade. Esta é unha iniciativa que promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento.
O desenvolvemento do repositorio Minerva dá un salto cualitativo na integración da produción científica da USC, facilita a difusión de resultados de investigación, incrementa o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos científicos, garante a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual universitaria, incentiva o uso da produción científica propia e ofrece servizos de valor engadido a través do emprego de estándares internacionais.
Inicialmente estará organizado en cinco grandes comunidade: Biblioteca Universitaria, I+D+i, Docencia e innovación educativa, Institucional e Arquivo Histórico Universitario, que á súa vez se organizarán en subcomunidades temáticas que agrupan os seus contidos en coleccións. Na actualidade xa están dispoñibles preto de 1.200 teses de doutoramento (239 defendidas en 2013), aproximadamente 5.000 artigos de revistas publicadas pola USC e 4.000 fondos bibliográficos patrimoniais. A partir deste punto, estas cifras seguirán incrementándose ao fío da propia actividade universitaria nun exercicio de transparencia e responsabilidade social que vén democratizar aínda máis o coñecemento, sinalou o reitor na presentación.