O selo USC Editora do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico renovou a súa certificación conforme á norma ISO 9001:2008. Nunha sesión no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, recibiu a credencial desta renovación de mans do director de Aenor Galicia, Martín Pita López. Tamén estiveron presentes a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.
Concedida por AENOR, a certificación UNE-EN ISO 9001:2008 acredita sistemas de xestión da calidade e no caso da liña editorial universitaria inscríbese na política de calidade da USC orientada, entre outros obxectivos, a desenvolver procedementos para acreditar servizos. O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico dispón dun Sistema de Xestión de Calidade conforme á ISO 9001:2008 para as actividades de deseño, edición e distribución de libros e publicacións universitarias baixo o selo USC Editora. Certificado inicialmente o 14 de xaneiro de 2014, o selo vén de renovar dita certificación, recoñecendo así a implantación efectiva dun sistema de calidade que apoia a xestión da súa actividade.
A USC adquiriu un “claro compromiso coa implantación da calidade” a través dos sistemas de garantía dos centros e da propia USC así como a través de sistemas de xestión mediante distintas certificacións como é o caso da ISO:9001, explicou no acto Xosé Pereira. A Universidade concentra varios servizos certificados baixo diversas normativas e “ten feita unha clara aposta cara a ampliación do alcance destes recoñecementos” engadiu o vicerreitor. Trátase dunha aposta fundamentada polo propio selo de calidade, pero tamén polas “vantaxes que reporta dispor de procedementos efectivos e eficaces que permitan dar resposta ás demandas de clientes e usuarios á vez que nos adiantamos ás súas necesidades” sinalou Pereira.
A implantación de sistemas certificados na xestión da USC garanten a adopción do ‘ciclo de mellora continuada’ que “aspiramos sirva como referente a toda a xestión da institución universitaria: planificamos, facemos, comprobamos e actuamos”, engadiu Xosé Pereira. Na mesma liña, Juan Blanco sinalou a renovación desta certificación no traballo en equipo do colectivo do Servizo de Publicacións, “un selo que contribúe a consolidar a idea de que estamos no bo camiño” e una mostra de que “as editoriais universitarias somos quen de ofrecer unha canle apropiada e recoñecida”.
Martín Pita, en nome de Aenor, agradeceu a confianza depositada na súa compañía e destacou o esforzo de conseguir a renovación na norma ISO 9001, un reto que precisa, na súa opinión, “da aposta pola modernidade e por falar o idioma da calidade na xestión” así como do compromiso “do equipo encargado de, co traballo día a día, facer máis grande o sistema”.
USC Editora
USC Editora é un selo comercial da USC rexistrado como marca e creado en 2009. Dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente polo servizo de publicacións universitarios e sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta ademais cun elenco estable de editores internos que someten os orixinais a unha avaliación previa.