A USC participa estes días na Semana do Libro de Compostela (SELIC), aberta ao público na praza da Quintana ata o próximo 11 de xuño e organizada pola Concellaría de Acción Cultural. A Universidade compostelá estará representada polo seu Servizo de Publicacións cun total de 60 títulos, a maior parte destes novidades dispoñibles para a súa venda e representativos das diversas liñas editoriais da editora universitaria.
Nun deseño expositivo aberto e diferente ao das tradicionais feiras editoriais, a SELIC reúne 32 expositores entre editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas que representan unha significativa mostra do sector do libro da cidade. A SELIC nace con vocación de permanencia e futuro segundo afirmou o alcalde da cidade, Martiño Noriega, no acto inaugural. Ademais da exposición e venda de novidades das empresas e institucións participantes, SELIC inclúe un amplo programa de sinaturas, presentacións, mesas redondas ou conversas con autores. Ademais, a carpa translúcida que acolle o evento dispón dun xardín-espazo lúdico para os/as máis pequenos/as.