A USC homenaxea a Díaz Castro coa publicación dun manuscrito inédito de Follas Verdes

Mayo, 15, 2014

O Salón Nobre de Fonseca acolleu un acto literario para celebrar o Día das Letras Galegas no que se presentou unha publicación sobre o autor

A USC homenaxea a Díaz Castro coa publicación dun manuscrito inédito de Follas Verdes

O Salón Nobre de Fonseca acolleu o acto literario do Día das Letras Galegas

A Universidade de Santiago homenaxea a Díaz Castro, escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, coa edición dun libro que comprende as reproducións facsimilares do manuscrito inédito de Follas Verdes(1934) e da antoloxía poéticaGaliza-Galice (1968). O volume foi presentado este xoves 15 no Colexio de Fonseca nun acto literario presidido polo reitor Juan Casares e organizado pola USC en torno ao autor. 

 

O reitor presentou o volume Xosé María Díaz Castro. Día das Letras Galegas 2014 e destacou a contribución deste libro ao coñecemento do autor lugués homenaxeado este ano co día das Letras Galegas. A publicación achega a figura do escritor Xosé María Díaz Castro a través da reprodución facsimilar de dúas obras e dos textos dos profesores Carmen Blanco, Xosé Manuel Salgado e Armando Requeixo que participan na obra. 

O director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo aproveitou a ocasión para salientar a continuidade da colección da USC e facer unha arenga en prol do galego coa ocasión da efeméride. A continuación os editores da publicación abordaron diversas perspectivas do autor homenaxeado este ano. Así, Xosé M. Salgado pronunciou o relatorio ‘O selo dun poeta’ e Carmen Blanco o titulado ‘Beleza para sempre’. 

Carmen Blanco firma a introdución na que fai un achegamento ao contido do libro, explicando a súa procedencia e relevancia na obra xeral do autor. O investigador Xosé M. Salgado, analiza nas seguintes páxinas a importancia do achado deste manuscrito que ve a luz nesta publicación. A continuación, o libro recolle a reprodución facsimilar do manuscrito autógrafo de Follas Verdes. Cantares e Romances (1934), o seu primeiro poemario, ata agora inédito. Trátase dun orixinal manuscrito gardado nun caderno raiado de 21,5 cm de alto e 15,5 cm de ancho que ten escrito na cuberta o título das dúas obras poéticas que contén, Follas verdes e Follas ó ar. O orixinal de Follas verdes reprodúcese, adaptado proporcionalmente á caixa propia do formato da colección Día das Letras Galegas do Servizo de Publicacións da USC, na que se publica cunha redución do 71%. O propio autor conservou esta obra, considerada como representativa dos seus comezos como escritor, entre as súas pertenzas nesta forma de caderno que se reproduce na publicación. Os especialistas destacan dela o pulo creador e o entusiasmo propio da súa mocidade, así como a sensibilidade propia dun rapaz e en contrapunto con outros textos posteriores que amosan a súa madurez. 

Nas seguintes páxinas, o investigador Armando Requeixo, autor dunha tese entorno á figura de Díaz Castro, da paso a escolma de versos galegos ‘Galiza/Galice’ incluída na antoloxía Terre d’Espagne (Bruxelas 1968) editada pola hispanista belga Françoise Pechère e na que, segundo Requeixo, a participación de Díaz Castro resultou decisiva. A súa achega configúrase como unha mostra poética en torno ao tema da terra e da paisaxe publicada precisamente no ano emblemático da revolución social de 1968. A publicación conclúe cun apéndice fotográfico no que se inclúen imaxes de Díaz Castro entre os anos 1930 e 1960, pertencentes ao seu arquivo familiar, algunha delas tamén inédita.