Corpos Exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure é o título da obra gañadora do I Premio Xohana Torres, asinado por María Reimóndez e de cuxa edición son responsables a USC e o Concello de Santiago. O volume presentárono este xoves publicamente a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e a concelleira de Igualdade, Marta Lois, xunto coa autora da obra María Reimóndez, a poeta canadense Erín Moure, e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco.
Trátase da publicación gañadora do I Premio Xohana Torres, "que recuperamos o ano pasado grazas a un convenio coa USC e que levaba sen convocarse dende 2012 despois de 20 edicións seguidas" segundo lembrou Marta Lois. A recuperación deste premio foi gabadas tanto polo director de publicacións da USC como pola vicerreitora de Estudantes que o definiu como "un premio que incentiva o estudo feminista a través da memoria das mulleres compostelás".
Este ensaio é quen de facer algo "extraordinario" segundo o definiu Juan Blanco, como é o de "unir tres mulleres como Rosalía de Castro, María Reimóndez e Erín Moure, tres poetas, tradutoras e feministas". Precisamente este ensaio ten como obxectivo "visibilizar o labor das tradutoras, partindo dun marco teórico e colocando a tradución como algo que nos afecta no día a día e a través da cal se poden crear historias e realizar un traballo político de reivindicación feminista importante", tal e como indicou a autora, María Reimóndez.