A USC e as universidades de Granada e Talca, rememoran o legado de Fernando Álvarez de Sotomayor, pintor e ex director do Museo do Prado

Junio, 29, 2017

O libro incorpora as memorias, ata agora inéditas, escritas polo propio artista así como unha contribución de especialistas que abordan a súa figura dende distintas ópticas

A USC e as universidades de Granada e Talca, rememoran o legado de Fernando Álvarez de Sotomayor, pintor e ex director do Museo do Prado

'Recuerdos de un viejo pintor' 'Recuerdos de un viejo pintor' é o bloque que inicia o relato das memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor, un "documento transcendental e ata agora inédito" que pon no papel "nin máis nin menos que as memorias do propio artista, redactadas e escritas de seu puño e letra, longo tempo conservadas celosamente polos seus sucesores e que agora ven a luz grazas á xenerosidade da súa neta". Ao fío desas lembranzas, comeza Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor. Fomento y apreciación de las artes, unha proposta editorial da USC en colaboración coas universidades de Granada e Talca que este mércores se presentou na Reitoría da USC.

Ademais de ter sido protagonista relevante na escena artística española durante boa parte do século XX, Fernando Álvarez de Sotomayor sobresaliu tamén, entre outros aspectos, por ter sido director do Museo do Prado entre 1922 e 1931 e entre 1939 e 1960, ano do seu falecemento. Décadas despois, a súa figura é obxecto de revisión neste volume de cuxa edición son responsable Pedro Emilio Zamorano Pérez, Rodrigo Gutiérrez Viñuales e Juan Monterroso Montero. A partir do propio testemuño do artista, o libro agora presentado inclúe distintos traballos dun grupo de especialistas que dende ópticas específicas revisan a figura e traxectoria de Álvarez de Sotomayor.
 
Xunto ao documento autobiográfico inédito de Álvarez de Sotomayor, o libro inclúe unha colección de entrevistas ao artista que inciden “no estilo académico e apegado ao gusto oficial que caracterizou a obra de Álvarez de Sotomayor”. Son textos que achegan ao lector “ao mundo complexo e fascinante do artista galego, achegándonos aos seus gustos, afeccións, o seu período de formación, a súa relación familiar ou traxectoria artística”, entre outras. O profesor José Manuel López Vázquez prosegue o relato cunha análise de Álvarez Sotomayor dende a súa faceta como artista e a evolución da súa obra, así como a súa influencia, afirmando que “Sotomayor convértese no referente esencial para a creación da ‘escola de pintura galega’”, ao tempo que sinala que “toda a pintura feita en Galicia durante o primeiro cuarto do século XX ten como eixo a de Sotomayor, ben para seguila ou ben para rexeitala”.
 
Outros dos asuntos retratados no libro é a influencia do pintor en Chile, da man da reflexión proposta polo investigador da Universidade de Talca Pedro Emilio Zamorano ao que se suma o traballo de Rodrigo Gutiérrez Viñuales e María Luisa Bellido Gant, da Universidade de Granada, explorando os vínculos con Arxentina. A obra complétase aludindo ao pintor no contexto da cultura artística do seu tempo e, concretamente, nas exposicións nacionais de Belas Artes entre 1904 e 1922 e á súa relación coa vangarda. Para rematar, Antonio García Bascón, da Consellaría de Cultura da Xunta de Andalucia, reflexiona sobre o quefacer do Álvarez de Sotomayor no Museo do Prado.
 
O volume Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor. Fomento y apreciación de las artes presentárono este mércores 28 nun acto público a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; a neta do pintor, Victoria Álvarez de Sotomayor; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés.