A revista Quintana dedica o seu novo número a escenarios e imaxes entre o liberalismo e a modernidade

Marzo, 02, 2016

A revista Quintana dedica o seu novo número a escenarios e imaxes entre o liberalismo e a modernidade

A revista Quintana dedica o seu novo número a escenarios e imaxes entre o liberalismo e a modernidade

O novo número da revista Quintana, publicación de estudos do Departamento de Historia da Arte da USC, está dedicada de xeito monográfico aos "Escenarios e imaxes do liberalismo á modernidade". 

O novo volume presentouse publicamente este martes 1 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia. No acto de presentación participaron o director da revista, o profesor Alfredo Vigo Trasancos; o decano da facultade, Juan Monterroso; o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras; o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés; e a asesora de Estudantes, Cultura e Deportes da USC, Marta Carballo Fidalgo.

Como explica o director da publicación Alfredo Vigo, o tema do volume pretende dar conta da "gran liberdade de ideoloxías que se deron cita no pensamento artístico da sociedade occidental no tránsito dos séculos XIX ao XX". Dentro desta apartado destacan as achegas de cinco expertos como son José Manuel López Vázquez, Alexandrina Buchanan, Matilde Mateo, Manuel Núñez Rodríguez e Carlos Reyero. Dende enfoques moi diferentes, analizan aspectos que teñen que ver cos "Desastres da guerra" de Goya, o pensamento do escritor John Ruskin, a visión do gótico español polo historiador escocés James Fergusson, o proceso creativo que deu forma á obra e Rodin ou como entendeu o nacionalismo catalán as personificacións de Castela, Galicia e da propia Cataluña nun determinado contexto histórico.

No apartado de colaboracións, o novo número reúne unha serie numerosa e heteroxénea de achegas cun abano de temas que van dende a arte medieval ao mundo contemporáneo, a enxeñaría, o campo máis abstracto da música, a arquitectura ou a cerámica. A sección de "Escritos sobre..." alude a o texto pouco coñecido do intelectual galego Victor Said Armesto Tristán e a literatura rústica española, que analiza e pon en valor o profesor Carlos Villanueva.

Quintana
A revista Quintana xurdiu en 2002 como unha publicación anual que servise de órgano de difusión do departamento de Historia da Arte. Dende entón apostou pola rigorosidade na súa liña editorial e a apertura exterior dos seus comités e contidos, ata convertela nunha das de maior calidade no seu ámbito, como testemuña a súa inclusión nas máis prestixiosas bases de datos nacionais e internacionais. Entre os seus recoñecementos destaca ser unha das primeiras revistas de Historia da Arte de España en obter os 33 criterios de calidade Latindex ou en ter sido admitida na base de datos SCOPUS.

 

Ligazóns relacionados: