A República de Platón e Elementos de Euclides incorpóranse á colección de Clásicos do Pensamento Universal
Febrero, 13, 2014
Elementos de Euclides e A República de Platón son os dous novos volumes que se incorporan á colección Clásicos do Pensamento Universal, coeditada pola Universidade de Santiago e a Fundación BBVA. A presentación destes novos títulos celebrarase este mércores 12 no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome nun acto que presidirá o reitor Juan Casares.
Na presentación intervirán o director da colección, o profesor Darío Villanueva; a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca; así como os prologuistas e tradutores dos volumes e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco. O profesor de ensino medio Xosé Manuel Blanco Roo é o responsable do prólogo e tradución da obra de Platón, mentres que no caso de Os elementos, asina o prólogo o profesor José Luis Gómez Pardo, e Ana Gloria Rodríguez Alonso e Celso Rodríguez Fernández a tradución.
A República
A República está considerada a máis importante obra de Platón. A conversa inicial de Sócrates con diversas personaxes serve de liña argumental para manifestar a posición do autor ante a práctica totalidade das cuestións que podía abranguer un pensador da Grecia clásica: a natureza do ser, a estrutura da mente, o método científico ou a subordinación da orde social e do sistema educativo á natureza do individuo. Este título presenta, en opinión dos promotores da edición, o primeiro gran tratado da filosofía occidental, "unha obra profética e eterna que, concibida varios séculos antes da nosa era, aborda aspectos que aínda hoxe, no terceiro milenio, continúan sendo obxecto de reflexión e debate.
Elementos
Elementos é un compendio de 13 libros traducidos na súa integridade ao galego dende o grego orixinal por un tándem formado polo profesor de Álxebra da USC Celso Rodríguez e a profesora de Grego de ensino medio Ana Gloria Rodríguez. Como explica o prologuista, a obra de Euclides exerceu no campo da ciencia unha "influencia incalculable", ademais de sinalala como un dos textos máis traducido e editado na historia da ciencia. Usado con exclusividade ata a aparición das xeometrías non euclidianas no século XIX, xa ben entrado o século XX continuaba a ser empregado como texto matemático básico.
Además, influíu decisivamente na arquitectura a través da teoría da proporción, na pintura onde tivo un papel fundamental no desenvolvemento da perspectiva e incluso na máis actual matemática computacional. A obra é fundamental, engaden os promotores da edición, non só polo seu contido matemático senón tamén pola forma na que este é presentado, xa que establece por vez primeira o método axiomático, tan relevante na posterior evolución das matemáticas.
Clásicos do Pensamento Universal
Elementos e A República constitúen os volumes 20 e 21 da colección Clásicos do Pensamento Universal. Coeditada pola Fundación BBVA e a Universidade de Santiago de Compostela dende 2002 baixo a dirección do profesor Darío Villanueva, a colección conta cun comité científico que se reúne anualmente para debater as propostas e fixar a súa carteira editorial. Os membros do Comité Científico son os catedráticos da USC Carlos A. Baliñas, Luis Concheiro, Ramón Máiz, José Sordo e Antón Santamarina.
A colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista.
Como explica o director do Servizo de Publicacións da USC, esta colección sinala un fito indiscutible no desenvolvemento da cultura galega contemporánea e constitúe un referente editorial de calidade e prestixio, razóns polas que foi acredora ao Premio á Mellor Colección nos XIV Premios Nacionais de Edición Universitaria (2011). Da v