O manual de Vázquez Cendón, baseado na experiencia docente da autora en cursos de doutoramento e másteres, dedícase monograficamente ao método de volumes finitos, unha importante ferramenta en numerosas aplicacións para unha ampla comunidade científica multidisciplinar e tamén para estudantes e persoal docente e investigador de diferentes ámbitos da ciencia e a tecnoloxía vinculados coa dinámica computacional de fluídos.
Para a versión inglesa, Solving Hyperbolic Equations with Finite Volume Methods , a profesora Vázquez Cendón realizou un considerable labor de revisión e actualización da edición orixinal. O texto final traducírono Luz M García García e Marcos Cobas García, egresados de doutoramento e máster de Enxeñaría Matemática da USC, respectivamente, que cursaron as respectivas materias de volumes finitos nos títulos mencionados.
Como novidade respecto da edición orixinal, esta versión incorpora tres reseñas biográficas de recoñecidas autoridades na temática do libro: o profesor húngaro Peter Lax, Premio Abel, que visitou a USC no marco do Programa Conciencia da USC en 2007; o profesor ruso S. Godunov; e o profesor chileno E.F. Toro, colaborador do grupo de Enxeñaría Matemática da USC e autor do limiar desta edición inglesa.